Thursday 02 de May de 2024

A Mancomunidade de Ordes acorda a prórroga do seu Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres


No pleno deste mes tamén se aprobou a solicitude de subvencións para o mantemento de servizos sociais e lingüísticos, tamén para promicións económica e turísticas ou de cara á realización de proxectos culturais e deportivos entre outros

A Mancomunidade de Ordes acordou no seu último pleno a prórroga do Plan de Igualdade de Homes e Mulleres, que leva aplicando dende 2011 e cuxo prazo de vixencia remata a finais deste ano. O seu obxectivo xeral é sensibilizar e concienciar á poboación e ás institucións das desigualdades estructurais existentes entre ambos sexos, así como facilitar a información suficiente sobre os seus dereitos, servizos e recursos existentes. Nun apartado máis específico tamén se pretende sensibilizar e dotar de coñecementos aplicables ao persoal técnico e político sobre a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades.

A posta en marcha e correcta execución do dito plan está impulsada por unha comisión de igualdade, responsable tamén do seu seguemento e avaliación. No abano de axentes implicados figuran non só membros do CIM da Mancomunidade na labor de dirección, senón tamén representantes políticos e administrativos do ente e dos sete concellos que o integran, persoal dos centros educativos, forzas e corpos de seguridade, órganos xudiciais, entidades sociais e outras administracións públicas (Xunta, Deputación, Ministerios de Sanidad etc).

Tamén se deu o visto bo á petición de distintas subvencións de cara ao vindeiro ano para: mantemento de servicios lingüísticos (6.000 euros); desenvolvemento de servizos sociais (45.000 euros); promoción de recursos turísticos de cara á dinamización da súa área de influencia (30.000 euros); investimento de promoción económica para a adquisición de mobiliario, equipamento e reformas dos locais municipais (65.000 euros); realización de actividades culturais (50.000 euros); realización de actividades deportivas (50.000 euros); así como para a aplicación e desenvolvemento de políticas de igualdade e contra a violencia de xénero no ámbito educativo a nivel infantil e de bacaharelato (40.000 euros).

Por último, no caso dos servizos sociais un ano máis a Mancomunidade solicitará a súa inclusión e financiamento por parte do programa correspondente a tal fin. Desglosado por concellos o de maior cuantía é o de Ordes con 65.000 euros, seguido dos de Oroso con 39.000 e Frades con 17.600 euros. Concretamente por cada un deles 26.000 euros corresponden ao persoal administrativo, 21.400 ao persoal técnico de grao medio (Educadora Familiar) e 17.600 para o persoal auxiliar do servizo de axuda no fogar básico.